A CIG-Industria de Ourense mobilizarase contra a represión sindical en Pérez Rumbao
A federación de Industria da CIG de Ourense vén de anunciar a convocatoria de mobilizacións para rexeitar o despedimento dun afiliado da central en Copersa para alterar as eleccións sindicais e dunha traballadora e dun traballador en Apersa -ambas empresas do grupo de automoción Pérez Rumbao- como represalia “tras o éxito da folga polo convenio do siderometal”.
A central sindical celebrará unha asemblea de delegados/as do sector este xoves día 15 ás 10:30 horas, tras a que terá lugar unha concentración na gasolineira Pérez Rumbao da rúa Progreso, por volta das 12:00 horas.
Dende a CIG-Industria sosteñen que as dúas rescisións de contrato en Apersa, que a empresa xustificou por supostos motivos disciplinarios, son en realidade unha represalia “polo éxito da recente folga para reclamar un convenio digno no siderometal”.
Neste senso, lembran que Pérez Rumbao “liderou durante o conflito a ala dura da patronal”, negándose a chegar a calquera acordo durante a negociación. “Houbo incluso quen asegurou que ao remate do conflito rodarían cabezas; e nese escenario estamos agora”. Por iso queren deixar moi claro que “se hai despidos haberá conflito”, e responsabilizan a dirección do grupo de automoción de pouca profesionalidade ao actuar con ánimo de vinganza.
Finalmente, denuncian que esta vaga represiva estase a estender a outras empresas do sector, vulnerando dereitos e liberdades fundamentais das persoas traballadoras. “Por iso agora nos preguntamos onde están aqueles que tanto esgrimían o dereito ao traballo durante a folga”.