A CIG-Industria de Ourense inicia un calendario de mobilizacións contra os abusos laborais en Ilunion
A federación de Industria da CIG de Ourense vén de anunciar un calendario de mobilizacións contra os abusos laborais por parte de Ilunion, centro especial de emprego pertencente ao grupo Once. Dende a central sindical acusan a dirección da empresa de non respectar o convenio colectivo e de recortar os pluses e os complementos sen negociar nin dar sequera explicacións.
A primeira das protestas convocadas para rexeitar a actitude de Ilunion terá lugar este mércores día 23 diante das oficinas da Once (Alameda do Cruceiro, 9) a partir das 11:30 horas. En concreto, para amosar a oposición do cadro de persoal á política de non contar co comité de empresa, de non aplicar correctamente o convenio colectivo e de recortar os pluses e os complementos sen negociación “e sen nin sequera dar unha explicación entendíbel para as persoas afectadas”.
Dende a CIG-Industria de Ourense queren deixar moi claro que a central sindical apoia todas as iniciativas que favorezan a inclusión social das persoas con capacidades distintas, “pero desgraciadamente moitas veces hai quen se aproveita da situación de dificultade que teñen estas persoas e abusa da súa posición para impoñer, coma Ilunion-Once, recortes”.
Ademais critican que a dirección, en lugar de dialogar e resolver os problemas falando, opte por xudicializar a vida laboral, obrigando as persoas a presentar demandas para poder cobrar as nóminas completas. “Por despois de tentar buscar sen éxito unha solución negociada apostamos pola mobilización, porque non imos abandonar as traballadoras/es que demandaron xudicialmente á empresa para cobrar”. Neste senso, adiantan que a solidariedade da CIG intensificarase cada vez que un compañeiro/a teña que ir ao SMAC ou a xuízo.
Finalmente, fan un chamamento á dirección de Ilunion para que negocie e respecte o convenio colectivo e as condicións laborais que cada persoa traballadora ten consolidadas (pluses). “Se hai conflito e se ve afectada a imaxe da empresa será responsabilidade da dirección, non da CIG”.