A CIG-Industria de Ourense convoca unha manifestación por un convenio do Siderometal digno
A federación de Industria da CIG de Ourense convoca para este xoves 31 de marzo unha manifestación para reclamar un convenio colectivo do Siderometal xusto con salarios dignos. A marcha arrincará da casa sindical ás 19:30 horas e rematará na gasolineira de Pérez Rumbao tras pasar pola sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO).
A mobilización foi acordada na asemblea do sector celebrada o pasado mércores pola central sindical tras constatar que o acordo coa patronal “está moi lonxe” porque a súa proposta contempla un ano de vixencia do convenio, cunha suba salarial do 3% e cunha redución da xornada anual de oito horas para este ano, mentres que para o próximo volveríase ás 1784.
Dende a CIG-Industria lembran que 2021 pechou cun IPC do 6,5%, de xeito que aplicar o convenio que pretende o empresariado suporía unha importante perda de poder adquisitivo. Por iso chaman o persoal do sector a defender na rúa as súas condicións de traballo.
Con todo, a presión exercida pola central -con numerosas protestas, incluíndo a ocupación simbólica da sede da CEO, e cunha participación activa na mesa negociadora- fixo que a patronal do siderometal abandonase a súa pretensión de ampliar a xornada laboral aos sábados.