A CIG-Industria de Ourense convoca protestas contra a desregularización da xornada no sector do siderometal
A federación de Industria da CIG de Ourense vén de convocar mobilizacións para rexeitar os intentos da patronal do sector do siderometal de des regularizar a xornada laboral, xa que pretende que calquera actualización salarial estea condicionada a traballar os sábados. En consecuencia, a central celebrará unha asemblea este xoves 3 de marzo no local sindical ás 10:00 horas e posteriormente desenvolverá unha concentración diante da sede da Confederación de Empresarios de Ourense (CEO), na Praza das Damas, ás 12:00 horas. Ademais, para o vindeiro luns día 7, coincidindo coa xuntanza da mesa negociadora do convenio, haberá unha nova protesta ás portas da CEO ás 19:00 horas.
A CIG-Industria denuncia que a patronal aproveitou a última xuntanza da mesa de negociación do convenio, celebrada o pasado 23 de febreiro, para dar “un golpe de estado aos nosos dereitos”, ao propoñer que a actualización de soldos se faga a cambio de ampliar a xornada laboral tamén aos sábados. Dende a central sindical lembran que o empresariado leva anos intentando que o persoal do sector deixe de traballar unicamente de luns a venres para facelo tamén os sábados, “algo que para nós constitúe unha liña vermella”.
Neste senso, lamentan que CCOO se amosase inicialmente disposta a ceder en canto á xornada, “mais despois ao quedar soa pregou velas”. Ademais, sinalan que o sindicato estatal é responsábel da “brutal perda salarial que acumulamos” xa que nin a perda salarial de 2021 nin a que vai de 2022 van ser compensadas. “A patronal sabe que conta coa docilidade de quen aceptou recortar os soldos no convenio de 2021, que son os mesmos que xa en anteriores convenio aceptaban eliminar os sábados libres”.
Conciliación laboral
Outras das liñas vermellas que a CIG se marcou na negociación do convenio foi a defensa do dereito adquirido polo persoal do sector de contar co tempo indispensábel nos permisos e licenzas, cuestión que o empresariado quere tamén modificar. “Entendemos que se trata dun ataque directo aos nosos dereitos, por iso imos responder na rúa”.
Ao mesmo tempo, censuran que a patronal asegurase que as medidas en materia de conciliación laboral e familiar que figuran na plataforma de convenio achegada pola CIG son discriminatorias cos compañeiros/as que non teñen crianzas. “Despois retractouse das súas afirmacións, pero non está a disposta a facer ningunha concesión nesta materia”.