A CIG-Industria de Ourense convoca protestas contra a represión sindical en Revi
A federación de Industria da CIG de Ourense convoca unha concentración contra a represión sindical en Revi, compañía dedicada á fabricación de condutores eléctricos e tubarías, para rexeitar o despedimento de dous candidatos da central ao comité de empresa. A mobilización terá lugar diante das instalacións situadas na estrada a Castro de Beiro este mércores 4 de maio ás 12:30 horas.
Dende a CIG-Ourense denuncian que as rescisións de contrato destes traballadores producíronse unha vez que a central sindical anunciou a súa candidatura para escoller comité de empresa.
“Fartos/as dos cambios de quenda continuos e arbitrarios, que a empresa comunica no mesmo día, e de que dispoñan das vacacións do persoal ao seu antollo, incluso as do vindeiro ano, decidimos presentar candidatura para conformar comité, e a resposta da dirección foi despedir a dous candidatos da central sindical”, explican.
Por iso anuncian a convocatoria de mobilizacións contra a decisión da empresa e para facerlle fronte a estes abusos contrarios á lexislación laboral. “Estamos dispostos/as a defender os nosos dereitos, a que se respecte a nosa dignidade como persoas e como traballadores/as”, rematan.