A CIG-Industria de Ourense clama contra a represión sindical no grupo de automoción Pérez Rumbao
A federación de Industria da CIG de Ourense mobilizouse hoxe para rexeitar a vaga de represión sindical no grupo de automoción Pérez Rumbao, con até tres despedimentos recentes. Máis de medio cento de delegados/as concentráronse diante da gasolineira da rúa Progreso, propiedade de Pérez Rumbao, tras abordar previamente en asemblea a situación dos compañeiros/as afectados/as.
Dende a CIG-Industria anunciaran que habería conflito despois que a empresa Copersa despedise a un afiliado da central para alterar o resultado das eleccións e que Apersa fixese o mesmo cunha traballadora e cun traballador como represalia pola súa participación na folga do siderometal. As tres rescisións de contrato están recorridas nos xulgados para reclamar a súa nulidade, e os actos de conciliación celebraranse nos vindeiros días.
En canto ao acontecido en Copersa, na central sindical censuran ademais a actitude da UGT e acúsana de complicidade coa dirección, xa que o sindicato estatal impugnou as eleccións sindicais porque o traballador despedido puido votar no proceso por decisión da mesa.
As dúas rescisións de contrato en Apersa, que a empresa xustificou por supostos motivos disciplinarios, son en realidade unha represalia “polo éxito da recente folga para reclamar un convenio digno no siderometal”.
Ánimo de vinganza
Neste senso, na central lembran que Pérez Rumbao “liderou durante o conflito a ala dura da patronal”, negándose a chegar a calquera acordo durante a negociación. “Houbo incluso quen asegurou que ao remate do conflito rodarían cabezas; e nese escenario estamos agora”. Por iso queren deixar moi claro que “se hai despidos haberá conflito”, e responsabilizan a dirección do grupo de automoción de pouca profesionalidade ao actuar con ánimo de vinganza.
Finalmente, denuncian que esta vaga represiva estase a estender a outras empresas do sector, vulnerando dereitos e liberdades fundamentais das persoas traballadoras. “Por iso agora nos preguntamos onde están aqueles que tanto esgrimían o dereito ao traballo durante a folga”.