A CIG-Industria convoca unha manifestación polo mantemento do centro de control de Iberdrola na Rúa
A CIG-Industria dá un paso máis na súa campaña para reclamar o mantemento en Galiza do Centro de Operación de Cuenca (COC) do río Sil, que Iberdrola xestiona na localidade ourensá da Rúa mis cuxo traslado a Salamanca vén de ser confirmado pola empresa, coa convocatoria dunha manifestación este domingo 28.
A marcha para evitar o peche desta instalación e o seu traslado fóra do noso país arrincará ás 11:30 horas da rúa Progreso número 1 do concello valdeorrés da Rúa, onde se ubica o centro de control das centrais hidráulicas de Iberdrola.
A CIG-Industria desenvolveu esta semana unha intensa labor de axitación e reparto de información na comarca de Valdeorras para ampliar o apoio da veciñanza, do comercio e da hostalaría á manifestación e ás reivindicacións que está a canalizar a central sindical.
A mobilización deste domingo chega despois da concentración celebrada diante do COC da Rúa o pasado 24 de febreiro e das iniciativas institucionais promovidas pola CIG para garantir o mantemento da instalación e de todos os empregos en Galiza, ao entender que a decisión de Iberdrola de clausurar o centro de control galego para trasladalo a Salamanca “é un paso máis no proceso de desertización industrial que atravesamos e que ameaza con converter o noso país nun ermo produtivo”.