A CIG mobilizarase pola parálise do convenio do metal da provincia de Pontevedra
A federación de Industria da CIG vén de convocar unha mobilización o vindeiro xoves 11 de maio en Vigo en protesta polo bloqueo por parte da patronal das negociacións do convenio colectivo do metal da provincia de Pontevedra. A central sindical celebrará tamén previamente unha asemblea de delegados/as e traballadores/as do sector para abordar o estado das conversas que terá lugar no local da CIG ás 9:30 horas, tras a que se partirá en manifestación ás 11:30 horas dende Vía Norte até a sede da patronais ATRA e Instalectra na rúa do Príncipe.
Dende a CIG-Industria denuncian que a estratexia de ralentizar o proceso que esta a levar a cabo o empresariado fai que tras seis xuntanzas da mesa de negociación -a última delas tivo lugar o pasado luns 24- aínda non se produciu ningún avance substancial que faga albiscar cando menos unha posibilidade de acordo.
Fronte a isto, a central sindical incidiu durante as conversas na necesidade de centrar as negociacións nos aspectos que considera máis importantes para “dignificar” un convenio que foi historicamente referente no sector tanto en Galiza como no resto do Estado. “Mais a patronal segue na dinámica de ralentizar a negociación, o que nos leva a eternizarnos sen conseguir ningún tipo de avance real”.
Por iso os representantes da CIG na mesa reclaman axilidade nas conversas co obxectivo de chegar a un acordo que permita contar cun convenio digno para este 2023 antes do verán. Neste senso, dende a central sindical consideran necesario centrar a negociación nunha serie de puntos concretos, que pasan por recuperar a perda de poder adquisitivo mediante a aplicación do IPC real máis un 3% de suba salarial, introducir unha cláusula de revisión salarial e garantir a subrogación de persoal nas empresas privadas, xa que até o de agora só se fai nas públicas.
Redución da xornada
Tamén reducir a xornada laboral anual a 1752 horas, mellorar a redacción dos artigos que regulan o plus de traballos especiais e o dos desprazamentos, ampliar o complemento das baixas por enfermidade para que a cobertura sexa do 100% e regular as contratacións co obxectivo de, entre outras cousas, eliminar a precariedade que padece o persoal fixo descontinuo no sector naval.
Outras propostas da central sindical pasan por garantir que os sete grupos profesionais que hai teñan os mesmos salarios (que os especialistas cobren como oficiais de terceira) e por introducir coeficientes redutores da idade de xubilación no sector naval.