A CIG-Industria convoca asembleas para avaliar as accións ante o bloqueo patronal na negociación do convenio do metal
Ante a falta de avances na negociación do convenio provincial de siderometal da Coruña, a CIG-Industria vén de convocar asembleas abertas na Coruña, Ferrol e Santiago para informar os traballadores e traballadoras e abordar conxuntamente as accións a realizar para desbloquear a situación.
Horas e lugares
As asembleas serán o mércores 22 de decembro nos seguintes horarios e lugares:
- A Coruña: ás 19:30h no salón de actos do Edificio Sindical (Avda. Alfonso Molina, 90)
- Ferrol: ás 11h e ás 19h no salón de actos do local da CIG (r/Eduardo Pondal 41)
- Compostela: ás 19:30h na nave de Vidán (Av. da Mestra Victoria Míguez, 44)
A CIG-Industria sinala que dous anos despois de que caducara o convenio provincial do metal, nestes momentos non se ten producido ningún avance na negociación, e incluso na reunión do pasado 14 de decembro, a patronal quería que a representación sindical lle dera "o parabén á súa plataforma, coa que pretenden recortar dereitos recollidos no convenio a cambio dun miserento incremento salarial que non supón nin sequera o equivalente á suba do IPC".
Ademais, a proposta patronal non recolle tampouco ningún dos aspectos máis importantes para o conxunto dos traballadores e das traballadoras do metal, como poden ser a subrogación, a aclaración dos pluses de perigosidade, toxicidade e penosidade, a limitación da xornada a 8 horas, rematar coa precariedade á que a través das ETT e as subcontratas, ou cos abusos das mutuas.
"Van xa alá dous anos de convenio conxelado e a patronal está moi cómoda con esta situación de dilatación no tempo. Cómpre pois, poñer fin a esta situación, e para iso é preciso que o conxunto dos traballadores e traballadoras nos organicemos para amosarlles que estamos fartos e fartas desta situación, que queremos un convenio realmente digno, e que o queremos xa", subliñan dende a CIG-Industria.
Para avisar da convocatoria e animar a asistir, delegados e delegadas da CIG no sector están facendo estes días repartos informativos polos distintos polígonos da provincia. Neste senso, a central sindical chama a participar nestas asembleas abertas para que "entre todas e todos poidamos levar adiante a mellor resposta, poñer fin a esta situación e lograr o convenio digno que merece o metal".