A CIG-Industria considera un escándalo que se leve a Santiago o centro de excelencia do sector naval
Ante as informacións aparecidas estes días, a CIG-Industria quere amosar o seu estupor polo acordo entre Navantia e Siemens para a posta en marcha dun centro de excelencia do sector naval en Santiago de Compostela. A central considera un escándalo e a mostra máis palpábel do desprezo con que Navantia e a SEPI tratan a esta comarca que se estude sequera levar a Santiago un proxecto que suporía dar un pulo á I+D+I, reforzar a aposta no desenvolvemento da enxeñaría (como alto valor engadido da empresa) e que, ademais, está directamente vinculado á actividade produtiva nos estaleiros da ría de Ferrol.
Esta decisión, de confirmarse as noticias publicadas na prensa, carece de calquera lóxica, tendo en conta que, no caso de non existir actualmente no estaleiro un espazo para acomodar o centro, poderíanse aproveitar os anunciados investimentos para a modernización das instalacións para facer as obras pertinentes con tal finalidade.
E no caso de que isto non fora posíbel, engaden, xa existen infraestruturas en Ferrol (como o CIS de Cabanas) que poderían acoller este proxecto. Iso sen esquecer que o campus de Ferrol conta coas escolas de enxeñaría naval e industrial (polo que as sinerxías e os intercambios coa universidade estarían garantidos), e que é en Ferrolterra e non en Santiago onde están asentadas as empresas do sector.
Ademais, atendendo aos elevados niveis de desemprego da comarca, á continuada emigración da nosa mocidade e á necesidade de diversificar os empregos que se ofertan con novos perfís profesionais, contar cun centro de excelencia deste tipo suporía dar un gran paso neste camiño.