A CIG-Industria Compostela denuncia que o empresario Pedro Hervés, do Grupo Brea, quita pancartas en lugar de pagar salarios
Blanco lembra que este empresario no ano 2014 xa estivo en preconcurso de acredores do que saíu a finais dese mesmo ano tras vender unha propiedade no polígono de Costa Vella, na que está ubicado Decathlon.
“Cando se vía vir a crise quixo ser o empresario máis forte de Compostela construíndo unha gran nave onde hoxe está Brea Motor hipotecando así os salarios e as indemnizacións dos traballadores e traballadoras, sen vender nada das súas propiedades sen pensar nas consecuencias que isto tería no futuro inmediato”.
O resultado, segundo o secretario comarcal de CIG-Industria, foi que “levamos catro anos con continuos atrasos, traballadores/as que se teñen que desprazar todos os días para facer o seu traballo sen a garantía de cobrar a fin de mes e sen saber sequera cando van cobrar”.
Porén en lugar de preocuparse pola situación do seu persoal “dedícase a descolgar as pancartas en denuncia dos seus impagamentos”, denuncia Benedicto Blanco, quen lembra que “grazas aos beneficios que obtén dos traballadores Pedro Hervés si pode pagar todas as súas facturas a fin de mes”.