A CIG-Industria clama contra o desmantelamento de Ilunion-ONCE en Ourense
A federación de Industria da CIG de Ourense continuou onte coa súa campaña de protestas contra o desmantelamento progresivo de Ilunion Servicios Industriales, centro especial de emprego do grupo ONCE que traballa principalmente no sector da automoción. Delegados/as da central sindical percorreron en manifestación o polígono de San Cibrao das Viñas para rexeitar os traslados forzosos de persoal e o despido de sete traballadores/as que se atopaban de baixa médica.
A mobilización comezou ás 11:30 horas cunha concentración de arredor dun hora diante das instalacións da empresa, para a continuación marchar a pé até a sede da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas ao berro de “Ilunion culpábel, ONCE responsábel e “Abuso patronal, resposta sindical” .
Para a CIG-Industria as últimas manobras de Ilunion evidencian o que tantas veces anticipara: a súa intención de pechar o centro especial de emprego en Ourense. Con este obxectivo despediu sete traballadores/as dun total de 40, ao tempo que pretende trasladar a Ribadavia a outras catro persoas.
“Non hai que esquecer que se trata de compañeiros/as con diferentes graos de discapacidade e en situación de baixa por enfermidade, aos que a empresa deixa á súa sorte cando se supón que a súa función é facilitar a inserción laboral deste colectivo, o que amosa unha falta total de sensibilidade por parte do grupo ONCE”, sinala o secretario comarcal da CIG-Industria, Indalecio Gómez.
Diante disto, adianta que a central sindical “dará a batalla” pola readmisión das persoas traballadoras “inxustamente despedidas” e reclamará das distintas administracións e de todas as organizacións políticas o seu compromiso para garantir a continuidade dun centro social de emprego en Ourense necesario para facilitar a inserción laboral deste colectivo. “Temos a obriga sindical, social, ética e moral de impedir o peche”, rematou.