A CIG aposta pola convocatoria dunha folga indefinida na industria auxiliar de Navantia
A sinatura por parte de CCOO e UGT dun preacordo para o convenio colectivo provincial do metal, no que se renuncia á principal reivindicación relacionada coa industria auxiliar de Navantia, "obriga a este colectivo de traballadores e traballadoras a procurar solucións á súa problemática a través dun novo conflito". Así o defende a CIG-Industria de Ferrol, que nos próximos días levará ás asembleas de persoal a convocatoria dunha folga indefinida no sector.
A reivindicación de que os acordes salariais da industria auxiliar de Navantia, coñecidos como acordos de 2001, se introduciran no corpo do convenio colectivo, tiña como obxectivo rematar co escenario de permanente negociación do salario individual no que se atopa o persoal que presta servizos nas compañías auxiliares. Unha situación provocada pola enorme eventualidade e inestabilidade deste colectivo e pola ausencia dun marco normativo vinculante que dea cobertura ás súas retribucións.
"A traizón de CCOO e UGT, que pasaron de facer da defensa desta reivindicación un punto esencial da plataforma sindical, a asinar un preacordo coa patronal que prescinde deste asunto sen tan sequera facer asembleas nos estaleiros, forza a todo o sector a procurar outras solucións", aseveran dende a CIG-Industria de Ferrol.
Convocatoria "fantasma" da Mesa do Naval
Neste contexto, engaden, danse dúas circunstancias que levan a CIG-Industria a manifestar a súa disposición a realizar esta convocatoria, en solitario se fose preciso. Dunha banda, a folga convocada polo comité de Maessa por este mesmo motivo, "e que de seguro vai ter o respaldo dos compañeiros e compañeiras de outras empresas auxiliares, que con bo criterio entenderán que esa é unha loita de todos e todas".
Por outro lado, o feito de anunciar CCOO e UGT, conxuntamente, a súa intención de convocar a Mesa do Naval para esta semana e precisamente para negociar estes acordos salariais. "Convocatoria que no momento de redactar esta nota de prensa (xoves pola tarde) aínda non recibimos, e que parece redundar no camiño emprendido nas últimas semanas por estes sindicatos, que realizaron unha convocatoria trampa dunha folga indefinida para o todo o metal provincial, e un preacordo para o convenio colectivo dous días despois absolutamente vergoñento", aseveran.
Respaldo unánime en Fene
Así as cousas, co ánimo de evitar rebaixas de última de hora neste asunto, a CIG-Industria someterá a convocatoria dunha folga indefinida no sector ás diferentes asembleas que celebrará durante os vindeiros días, co obxectivo de acadar que todas as empresas auxiliares de Navantia cumpran os acordos salariais de 2001.
Na mañá deste venres tivo lugar a asemblea de traballadores/as das auxiliares de Navantia Fene (á que corresponden as imaxes que acompañan esta nova), na que se aprobou por unanimidade a convocatoria de folga indefinida.