A CIG amplía a maioría absoluta no comité de Rodman Polyships ao sumar 2 representantes máis
A federación de Industria da CIG de Vigo ampliou a maioría absoluta no comité de Rodman Polyships ao sumar dous delegados/as máis nas eleccións sindicais que se veñen de celebrar na compañía do sector naval con sede en Moaña. A central logrou 7 dos 9 representantes e foi a forza máis votada nos dous colexios electorais.
Entre os especialistas a CIG-Industria colleitou 54 votos dos 84 emitidos dun censo de 98 persoas, polo que obtivo 4 representantes. A UGT, pola súa banda, sumou 30 apoios e 2 delegados/as.
No colexio de persoal técnico e administrativo concorreu unicamente a candidatura da CIG, que contabilizou 27 votos do total de 47 persoas inscritas no censo. En consecuencia, os 3 representantes que se escollían foron para a central sindical. No anterior proceso, celebrado hai catro anos, a CIG lograra 5 representantes, a UGT 2 e CCOO outros 2.
Dende a CIG-Industria de Vigo agradecen a confianza amosada polos/as traballadores/as de Rodman Polyships e salientan especialmente o feito de que unha muller volva ser a presidenta do comité de empresa, “por desgraza algo pouco habitual no sector”.
Finalmente, dende a representación sindical nda central na empresa reafirman o seu compromiso na defensa dos dereitos laborais e na mellora das condicións de traballo do conxunto do cadro de persoal.