A CIG-Industria acusa a patronal do metal de Pontevedra de suspender a xuntanza do convenio para demorar a negociación
A CIG-Industria acusa a patronal do metal de Pontevedra de suspender a xuntanza de negociación do convenio colectivo provincial prevista este luns día 2 en Vigo para demorar no tempo a consecución dun posíbel acordo. O empresariado fixo público un comunicado no que pon como escusa para adoptar esta decisión a convocatoria dunha protesta do persoal do sector de comercio do metal ás portas do establecemento hoteleiro que ía acoller o encontro.
Dende a central sinalan que no último parágrafo da comunicación a patronal alega que <<La parte empresarial reitera su voluntad de negociación, siempre que ésta se lleve a cabo dentro de los cauces legales y con el respeto debido a todas las partes implicadas>>. “Méntense a eles mesmos, xa que a mobilización á que aluden foi comunicada e cumpre todos os requisitos legais”.
Ao mesmo temo, consideran que o empresariado “é refén dos seus actos” e aclaran concentración (allea á negociación do convenio do metal) está convocada polas persoas traballadoras afectadas polo convenio do comercio do metal, vencido o 31 decembro 2024. “O persoal do convenio do metal de Pontevedra non vai consentir que lle suceda o mesmo”.
Lembran que a patronal comprometérase a traer á que sería a terceira reunión as súas propostas en resposta á plataforma de convenio da parte social, “que lle entregamos na primeira xuntanza”. E inciden en que é a segunda vez que pola banda do empresariado se modifican datas; na anterior ocasión foi por un problema de axenda, cando o calendario fora xa marcado e axendado por todas as partes.
Polo que encadran esta decisión nunha estratexia para bloquear a negociación do convenio. “Non entendemos como poden pretender empregar unha escusa tan groseira para impedir que as persoas traballadoras e as empresas teñan canto antes un acordo de convenio, cando eles mesmos na primeira xuntanza expresaron o seu desexo de pactar canto antes”.
En todo caso, dende a central manifestan a “decisión firme” de que retomen as negociacións inmediatamente; “dende esta parte non admitiremos demoras inxustificadas para conseguir un convenio que satisfaga a todas as persoas traballadoras do metal en Pontevedra”.
Principais propostas da CIG
A central aposta no convenio por ampliar a compensación económica das quendas de Nadal e Fin de Ano, tanto en xornadas de cobertura como na contía da gratificación e rexeita a proposta de cláusula de garantía salarial porque suporía atrasar a compensación do IPC até 2031 e consolidar unha perda de poder adquisitivo durante anos.
A CIG defende incrementos do 8% anual, imprescindibles para frear o empobrecemento do sector, fronte ao 16% en 4 anos que ofrece a patronal.
Ao mesmo tempo, insiste en centrar a negociación no esencial: redución da xornada a 35 horas semanais e dúas fins de semana libres ao mes; incrementos salariais dignos; IT ao 100% en todos os casos; melloras en permisos, licenzas e conciliación; garantir a xubilación parcial; seguridade laboral, formación e EPI adecuados; plus de transporte e vestimenta en 15 pagas; equiparación á alza do plus de perigosidade; incrementar a nocturnidade e festividade ao 25% do valor de hora ordinaria; e creación de novos pluses, estabilidade laboral e calendarios equitativos.