A CIG incrementa a súa representación nas industrias galegas do taboleiro
A FCM-CIG destaca o avance "con forza" da representatividade da central nacionalista nas denominadas industrias do taboleiro, un proceso importante da transformación da madeira que conta cunhas doce fábricas distribuídas por toda Galiza que empregan de xeito directo a máis de 2.300 persoas.
Neste contexto, a Federación de Construción e Madeira da CIG convocou na Coruña a pasada semana á súa representación sindical nas distintas empresas, a un acto no que participou tamén o secretario nacional, Plácido Valencia. Os delegados e delegadas sindicais avaliaron moi positivamente a significativa mellora que está acadando a CIG a nivel da súa implantación nos centros, facéndose coa maioría nas tres fábricas do Grupo Intasa, logrando candidatura e representación por primeira vez nas dúas do Grupo Losan, e situándose a un puñado de votos da maioría, explican dende a FCM-CIG.
Deste xeito o sindicalismo nacionalista xa conta con presenza na práctica totalidade de empresas do sector, "aínda cando temos por diante retos importantes á hora de consolidar e mellorar esta representación".
Avaliación da negociación colectiva
O encontro sindical serviu, así mesmo, para avaliar a situación da negociación colectiva nos distintos centros de traballo, "que contan case todos con convenios colectivos de empresa vinculados ao obsoleto e defunto Convenio Estatal da Madeira", e ao tempo fixar uns obxectivos comúns a medio e longo prazo de cara a coordinar mellor a acción sindical nas distintas empresas e establecer unhas liñas comúns a nivel de negociación colectiva.
"Queremos tamén que estes contactos contribúan a que este tecido empresarial deixe de operar coma un arquipélago de centros de traballo inconexos e cuxas condicións de traballo teñen pouco ou nada que ver entre si, e a das industrias do taboleiro comece a visualizarse coma unha actividade punteira, que xere postos de traballo dignos e de calidade, e que se reivindique coma estratéxica en Galiza por ofrecer unha saída para a madeira galega alternativa á que poida ofrecer a industria pasteira, que se limita ao eucalipto, mentres que as industrias do taboleiro tamén poden absorber outras especies coma o pino ou o freixo", subliñan dende a FCM-CIG.