A CIG incrementa a súa maioría absoluta na empresa Indipunt de Narón
O pasado xoves, día 6 de xullo, celebrábanse as eleccións sindicais en Indipunt, S.L., empresa radicada no Polígono do Pozo, en Narón. Un proceso no que a CIG acadou unha folgada maioría absoluta reforzando a representanción que xa tiña e pasando de cinco a seis representantes no comité de empresa.
A empresa -que pertence ao grupo Inditex, que posúe a maioría do sue accionariado- conta con 201 traballadores/as. Antes deste proceso a CIG contaba xa con maioría no Comité de Empresa, pois tiña cinco dos nove delegados que o conforman. En concreto un representante polo Colexio de Técnicos e Administrativos e catro polo colexio de Especialistas. O resto do Comité o conformaban un representante de Técnicos da UGT e dous representantes de CCOO e un de UGT no colexio de Especialistas.
Nestas eleccións sindicais a CIG non só mantivo o delegado do Colexio de Técnicos, senón que aumentou a súa representación no Colexio de Especialistas, pasando de catro a cinco representantes. Así pois, o novo Comité de Empresa queda conformado por seis integrantes da CIG, dous de CCOO e 1 de UGT.
Desde a Federación Galega de Alimentación, Mar, Transporte e Telecomunicacións (FGAMT ) e a sección sindical agradecen aos traballadores/as a confianza depositada novamente na candidatura da CIG.
Consideran ademais que “estes resultados veñen demostrar un magnífico traballo na defensa dos intereses do persoal e a necesidade de contar con órganos de representación sindical con presenza maioritaria da CIG, que son garante de honestidade e traballo en beneficio do cadro de persoal”.