A CIG incide en que se manteñan os 1.400MW de evacuación do nó das Pontes que utilizaba a central térmica

As Pontes - 22 Xul 2024

Nas últimas datas anunciouse o período de exposición do concurso público para a concesión de acceso á rede de enerxía eléctrica en Meirama (220KV), aberto até o vindeiro 5 de agosto. Pero a concesión de dita convocatoria non repón toda a capacidade de aceso que tiña asingada central térmica. A CIG non comparte esta decisión política e denuncia esta situación xa que esa perda afecta á reindustrialización futura do territorio.

Ademais, publícase a concesión de aceso a rede en Meirama "mais non se deu contestación á reivindicación da CIG de manter os 1.4000 MW de acceso á rede nas Pontes e sacar a concurso público dita capacidade", advirte Alberte Amado.

A CIG subliña que ante o anuncio do peche da central térmica de Endesa nas Pontes, a finais de 2019, o aceso á rede era o valor engadido, “a xoia da croa”, no territorio para o achegamento de proxectos industriais, particularmente os de ámbito enerxético, "e sería un garante real de desenvolvemento industrial a través do concurso público para o seu uso".

Durante o proceso de peche da central, este criterio foi mudado, anunciando Rede Eléctria a eliminación de dito acceso "sen que por parte do MITECO se dese una explicación coherente de por que coa central térmica activa existía esa capacidade de evacuación e co seu peche se anula, perdendo así a localidade un dos grandes motores para a súa reindustrialización".

Por iso, subliña Amado, a CIG continúa a exixir a reposición dos 1.400MW e a realización da poxa pública para o seu uso. Unha demanda que xa se trasladou ao MITECO, á Xunta de Galiza e ás demais organizacións e entidades participantes da Mesa para o Impulso da Actividade Económica das Pontes. Esta reivindicación xa se fixera anteriormente noutros foros, así como en todas as mobilizacións sociais, nomeadamente na folga local das Pontes do pasado 23 de novembro.

"Ante os anuncios de proxectos industrias que non se acaban de concretar, ante a falta de medidas reais que palíen a situación económica, a perda de emprego e a situación social que supón o  peche da central térmica, a recuperación do aceso á rede e o concurso público é básico para o desenvolvemento industrial, sendo esta unha medida que non deixaría o futuro das Pontes nas mans exclusivamente de promotores de proxectos privados", conclúe o representante da CIG.