A CIG impulsa unha ILP para rescatar os saltos e aproveitamentos hidráulicos para o sistema público galego
O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, e o responsábel do sector de Enerxía da CIG-Industria, Fernando Branco, presentaron esta mañá, en rolda de prensa, unha Iniciativa Lexislativa Popular -que se formalizará nos próximo días perante a Mesa do Parlamento- que ten como obxectivo reverter á xestión pública os saltos e aproveitamentos hidráulicos. A ILP contempla ademais a revisión de todas e cada unha das concesións galegas, para ver se están cumprindo as cláusulas establecidas nas mesmas e que, 3 anos antes de que remate unha concesión, a administración inicie xa os trámites administrativos previos para a súa reversión, evitando que regrese ao negocio privado.
Carril lembrou que esta non é a primeira iniciativa da CIG referida a esta cuestión e lembrou a ILP por unha tarifa eléctrica galega, ou a recente proposta defendida pola central sindical sobre unha tarifa eléctrica para a industria electrointensiva. Iniciativas “reais para garantir que enerxía sexa un auténtico servizo público, reverta no desenvolvemento económico e industrial de Galiza, permita a creación de postos de traballo, combata a pobreza enerxética e para que o poder público retome o control, para usos sociais, dos nosos recursos enerxéticos”.
Custos sociais e medio ambientais sen beneficio algún para Galiza
O secretario xeral da CIG subliñou que Galiza é subministradora de enerxía eléctrica para o resto do estado, “exportamos máis do 40% da produción” e que porén, “malia os custos sociais e medio ambientais do espolio dos nosos recursos para a xeración eléctrica, estes non están ao servizo, nin para aproveitamento do pobo galego, nin do desenvolvemento industrial”.
Neste sentido lembrou o ERE de Alcoa, que considerou “unha das máis claras e actuais manifestacións tráxicas e dramáticas do que estamos a dicir” porque está en risco unha empresa con preto de 400 postos de traballo, nun sector estratéxico para Galiza como é o do Aluminio e “no que se quere pechar como consecuencia dos custos da enerxía”.
O actual marco regulatorio e tarifario común está sometido aos desexos das empresas eléctricas que actúan en réxime de oligopolio
Diante disto, cualificou de “insólito e surrealista que un país espoliado nos seus recursos enerxéticos, que exporta máis do 40%, vexamos en risco postos de traballo” polos custos da enerxía e denunciou o aumento constante e permanente dos prezos da electricidade, que “demostran como o actual marco regulatorio e tarifario común está sometido aos desexos das empresas eléctricas que actúan en réxime de oligopolio”.
Por iso, e polo feito de que se anuncien agora uns suplementos territoriais que “van castigar ao noso país pola produción de enerxía”, explicou que a CIG concluíu na necesidade de tomar novas iniciativas para frear estes “altos e descontrolados” prezos da electricidade que “colocan na incerteza o futuro de moitos postos de traballo, que aumentan as familias que non poden pagar as facturas da enerxía e que impiden un desenvolvemento industrial en Galiza que cree postos de traballo e que impida que a emigración e o desemprego vaian en aumento”.
Obxectivo da ILP
O secretario xeral da CIG sinalou que con esta ILP a CIG defende que a electricidade “non se considere un ben de consumo calquera, senón un ben básico, e que sexa de uso público” o que “exixe un papel protagonista da Xunta de Galiza e dos poderes públicos”. Explicou que, por iso, o que se pretende é a recuperación das concesións dos saltos e centrais hidroeléctricas, nas concas nas que Galiza ten competencias, pola Xunta de Galiza para fins de utilidade pública e interese social, para que se xestione directamente ou a través de empresas mixtas o aproveitamento público destes recursos enerxéticos, porque “ademais somos o primeiro territorio, xunto con Castela León onde se produce o maior número de megavatios no conxunto do estado español”.
O responsábel do sector de Enerxía da CIG-Industia, Fernando Branco, lembrou que as concesións hidráulicas son públicas e teñen que ter un final no que, segundo di a Lei de Augas, “as instalacións teñen que estar en perfecto estado de uso para que as xestione a administración pública, ben directamente, a través dunha empresa pública galega de electricidade, que sería o noso obxectivo, ou a través da administración, con empresas mistas. Pero en calquera caso xestionadas pola administración pública galega”.
Branco sinalou que en Galiza temos 166 centrais hidráulicas: 121 das chamadas mini hidráulicas, de menor potencia, e outras 45 que son gran hidráulica. Pero máis alá do número, que considerou moi significativo, temos unha produción nun ano normal de aproximadamente un 20% da total no conxunto do Estado e unha potencia instalada de 3.700 megavatios, que nos sitúa á cabeza.
Concesións desde o século XIX
O responsábel de Enerxía explicou que a CIG ten detectado que a administración galega non está prestando atención a estas concesións. “Cremos que hai desleixo sobre as cláusulas que deberían cumprir as empresas concesionarias e co final das concesións”.
A central hidráulica de Fecha, no río Tambre, en Trazo, foi concedida en 1895, S.XIX, vencía en 2017 e foi ampliada en 2016
Nese sentido sinalou que hai centrais hidráulicas cuxa concesión data do século XIX e que aínda hoxe seguen en mans privadas, logo de sufrir varias renovacións de concesións neste tempo. Así lembrou que a concesión da central hidráulica de Fecha, no río Tambre, en Trazo, que foi concedida en 1895, S.XIX, e que vencía en 2017, foi ampliada en 2016 a través do subterfuxio de ampliación de potencia. Subterfuxio ao que “recorren as empresas eléctricas cando ven que lles vai rematar a concesión” e que consiste en “solicitar unha ampliación de potencia ou de caudal” para ir enlazando progresivamente os anos de concesións.
Por iso esta ILP pretende garantir a reversión e revisión de todas e cada unha das concesións galegas. Unha posición que non é exclusiva da CIG porque, segundo lembrou, xa hai exemplos prácticos en Aragón de rescate de hidráulicas para uso público. A primeira en 2013 en Poyo de Jaca e outras 3 máis rescatadas na conca hidrográfica do Ebro.
Apoio á iniciativa lanzada desde Aragón
Fernando Branco sinalou que a CIG enlaza esta ILP a nivel galego con outra iniciativa semellante a nivel estatal que se lanza desde Aragón, á que manifestou o apoio da central sindical. Considerou que esta ILP non debera ter a oposición de ningunha forza política no Parlamento galego. “Queremos pensar que todas as forzas políticas presentes no parlamento van apoiar unha ILP que todo o que pide é volver ao público o era público: que as concesións que se deron no seu día volvan ser xestionadas pola administración pública galega”.