A CIG impugnará por abusivos os servizos mínimos do 100% para a folga en Seaga
A Consellaría de Medio rural vén de emitir unha orde na que decreta uns servizos mínimos do 100% para a folga indefinida que dará inicio o vindeiro 16 de setembro a partir das 00,00 horas na empresa pública Seaga. A CIG considera que o goberno autonómico pretende limitar o exercicio deste dereito fundamental e anuncia que impugnará a disposición.
A central nacionalista agarda que, no lugar de tentar por trabas á folga, a Xunta o que debe facer é rectificar o decreto que a motiva, permitindo que o persoal da actual Seaga poida acceder en igualdade de condicións ás futuras prazas do SPDCIF (Servizo de Protección e Defensa Contra Incendios Forestais).
Insisten que se se mantén a actual proposta perigan 500 postos de traballo, tendo en conta que a restruturación do servizo contra incendios relegará Seaga a tarefas de prevención e limpeza e o acceso ás prazas de bombeiro/a forestal exclúe a experiencia nesta empresa. Unha discriminación que non se dá no caso do persoal actual da Xunta ou das brigadas que dependen dos concellos.
Primeira mobilización e nova xuntanza o martes
Datas importantes
- Concentración do persoal en folga. Luns 17 ás 11h na porta sur do complexo da Xunta en San Caetano.
- Reunión dos sindicatos coa Dirección Xeral de Función Pública. Martes 18.
O persoal decidiu manter a convocatoria despois de que na reunión do pasado luns a administración non se comprometese de forma clara e concreta na modificación do decreto.
Este martes 18, porén, haberá unha nova xuntanza coa Dirección Xeral de Función Pública, á que están convocadas todas as centrais con representación na administración autonómica (CIG, CCOO, UGT e CSIF) onde se tratará como punto único a problemática de Seaga, e na que agardan que, dunha vez por todas, a Xunta rectifique.
No entanto, as e os traballadores/as realizarán a primeira mobilización, coa folga xa iniciada, o vindeiro luns 17 ás 11 da mañá na porta sur das instalacións da Xunta en San Caetano.