A CIG impugnará o decreto que permite substituír persoal público por empresas en autorizacións ambientais para acelerar a invasión eólica
A CIG anunciou hoxe a súa decisión de impugnar o Decreto 102/2023, do 15 de xuño, polo que se regulan as entidades de colaboración ambiental e se crean o rexistro de entidades e o banco de persoas expertas en avaliación ambiental. Dende a central sindical denuncian que se trata dunha estratexia da Xunta ao abeiro da lei de simplificación administrativa aprobada polo Goberno do PP para substituír o traballo do persoal funcionario público co obxectivo de facilitar a autorización de proxectos con impacto ambiental como os parques eólicos ou a minería extractiva.
Deste xeito a Administración pública botará man de empresas privadas colaboradoras e dunha bolsa de expertos/as contratados/as directamente para facilitar as autorizacións “e legalizar así a venta dos recursos naturais do noso país”. E o que é máis grave, mediante este Decreto non se privatizan unicamente as funcións de informe previo, senón tamén o seguimento das obras e actuacións, permitindo o levantamento de actas con valor probatorio. “Non hai que esquecer que estas funcións están unicamente reservadas por lei a persoal funcionario públicos”, sinalan.
A CIG xa ten denunciado que algúns/has empregados/as públicos/as están a ser apartados/as destas funcións porque non “facilitan” as autorizacións dos parques eólicos cando teñen incidencia sobre o medio ambiente. “Estes/as biólogos/as, enxeñeiros/as e incluso axentes ambientais están preocupados/as polo perigo evidente que corren especies protexidas, hábitats prioritarios, espazos da rede natura ou afloramentos singulares, xa que as empresas terán que seguir as liñas marcadas pola Xunta, unhas liñas que segundo denuncian os propios empregados/as públicos/as non se atreve a publicar porque son un disparate”.
Ademais da substitución de funcións das que até o de agora se encargaba o persoal público, a medida obrigará os funcionarios/as a ter que “autorizar a cegas” ao non ter realizado eles/as o informe, “o que os/as porá nunha situación de inseguridade xurídica”. Tamén se lles substitúe nas funcións de control.
Por non falar do gasto que suporá, “xa que o control das empresas que van realizar os informes obrigaría a realizar de novo o informe e auditar a empresa para ver que non forma parte dun grupo de empresa; polo tanto, o traballo será maior para o persoal funcionario público, que por unha parte ten que elaborar o informe e por outra investigar a empresa que o fai”.
Outra cuestión negativa do Decreto é a creación dunha bolsa paralela ás listas de contratación de persoal empregado público para contratar expertos/as, cando a Administración podería botar man das listas de contratación se precisa máis persoal. E tamén o feito de que se lle permita a empresas privadas acceder a procedementos realizados por persoal funcionario público e a expedientes propios da Administración pública.
Contra a imparcialidade do persoal público
En definitiva, dende o sector de Autonómica da CIG-Administración denuncian que a lei de simplificación administrativa aprobada polo Goberno do PP persegue facer posíbel o até de agora imposíbel: pagar a empresas privadas para facer os trámites de autorización atribuídos a persoal público. O que se pretende con esta normativa é que si os funcionarios/as da Xunta informan negativamente, a Xunta poida comprar informes positivos para favorecer ás grandes empresas que espolian os recursos naturais do país. Unha "práctica mafiosa” á que lle deron cobertura legal a través da “lei de depredación” de Galiza.
Dende a CIG-Autonómica explican que a Xunta artellou un plan para a aprobación exprés de actuacións que podían repercutir no patrimonio natural ou cultural do país: parques eólicos, minería, infraestruturas, industria, etc. “Pero, como a redución de prazos garantistas non lle chega para sacar adiante proxectos de grande impacto, o que fai agora é directamente e comprar as autorizacións pagando a empresas privadas para que substitúan o papel imparcial das persoas funcionarias públicas”.
Ademais, esta nova “actitude gangsteril” vén acompañada de denuncias de presións por parte dos empregados/as públicos/as para que dean o positivo á aprobación de proxectos.