A CIG impugna unha convocatoria de acceso a Navantia por non garantir os principios de igualdade, mérito e capacidade
O pasado 26 de agosto, a CIG solicitou a nulidade dunha convocatoria de prazas de acceso a Navantia. Estas prazas non están incluídas no Plan de Emprego 2019-2022, mais a problemática que se denuncia tamén se reproduce en dito plan: isto é, que nas vacantes que se convocan para persoas tituladas universitarias non se respectan os principios de igualdade, mérito e capacidade no acceso ao emprego público. Esta deficiencia é algo que a sección sindical da CIG en Navantia vén advertindo insistentemente tanto nas xuntanzas coa empresa como a través dos comunicados públicos.
Antes de iniciar o conflito colectivo, a representación da CIG tentou resolver este problema coa dirección "sen resultado positivo. Incluso solicitamos unha mediación previa no SMAC pois sempre é mellor un mal acordo que un bo preito. Non foi posíbel, hoxe no SMAC renunciaron a esta mediación", critican.
Non se pode acceder a un contrato de traballo, temporal ou indefinido, nunha empresa pública sen que haxa un proceso garantista"
A CIG-Navantia reitera que non se pode acceder a un contrato de traballo, temporal ou indefinido, nunha empresa pública sen que haxa un proceso garantista, con elementos de obxectividade que permitan acreditar os preceptos de igualdade, mérito e capacidade. "Ninguén pon en dúbida a competencia técnica das persoas que poden cubrir estas vacantes mais non se pode facer ao 'estilo Navantia' isto é, con entrevistas que teñen un peso determinante e que se constitúen en probas decisivas no resultado do proceso", subliñan.
Neste senso, a representación da CIG saúda que, contrariamente ao acontecido en ocasións anteriores, no acto de mediación desta mañá se sumaran CCOO e MAS á demanda da central nacionalista. Ademais, sinalan que "é previsíbel a incorporación futura da CGT, polo que entendemos que a dirección de Navantia debería recapacitar e acceder ao que pide a maioría do cadro de persoal".
Estas demandas son, entre outras:
- Probas obxectivas en todos os procesos de acceso.
- Que as probas de inglés teñan a garantía da participación dun organismo como a Escola Oficial de Idiomas.
- Ou que as probas psicotécnicas sexan realizadas por profesionais da psicoloxía, cos estándares técnicos desa disciplina.
"Os procesos de acceso a Navantia provocaron historicamente un profundo malestar na poboación da comarca de Ferrol. Desde a CIG estamos comprometidos en erradicar ese malestar", conclúen.