A CIG gaña no TSXG unha demanda que iguala o permiso de maternidade co de paternidade dun traballador público
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (TSXG) vén de estimar a demanda presentada pola CIG para que se recoñecese o dereito dun empregado público a contar coas seis semanas adicionais de permiso de paternidade coas que contan as mulleres que traballan para a administración.
O afectado decidira recorrer á xustiza para poder contar cun total de 22 semanas de permiso por nacemento de crianza (as 16 que establece o Estatuto dos Traballadores/as máis as seis ás que teñen dereito as empregadas públicas), pero o tribunal de primeira Instancia de Vigo fallou na súa contra. Agora, tras o recurso presentado diante do TSXG, recoñéceselle o dereito a gozar das seis semanas adicionais a cargo da administración pública e en igualdade de condicións que o permiso de maternidade das mulleres.
A sentenza recolle que «...sobre dereitos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral, debemos revogar e revogamos a resolución recorrida, estimando a demanda e declarando o dereito do actor a gozar dun permiso por nacemento de fillo de proxenitor non xestante de 22 semanas de duración, e non das 16 semanas recoñecidas, condenando a entidade demandada a estar e pasar por esta declaración e a que lle recoñeza o dereito a gozar das seis semanas non recoñecidas, con todos os efectos legal e regulamentariamente establecidos...».
O TSXG considera que hai discriminación indirecta por razón de sexo no momento en que “unha disposición, criterio ou práctica aparentemente neutras pon a persoas dun sexo en desvantaxe particular con respecto a persoas doutro”.
E basea a súa sentenza nos dereitos de conciliación e a corresponsabilidade, na Lei de Emprego Público de Galiza, no Real Decreto-Lei 6/2019, de 1 de marzo, de medidas urxentes para garantía da igualdade de trato e de oportunidades entre mulleres e homes no emprego e a ocupación, establecendo idéntica duración para o permiso por nacemento da nai biolóxica que para o permiso derivado do nacemento para o proxenitor distinto da nai biolóxica, así como nas directivas europeas de aplicación.
Para o sector de Autonómica da CIG-Administración, esta decisión xudicial constitúe un novo exemplo que avala o compromiso da central sindical coa loita para garantir o dereito de conciliación e a corresponsabilidade familiar nas labores de coidados.