A CIG gaña e incrementa a súa representación en Prosegur AVOS ao lograr 14 delegados/as dun comité de 17
A CIG logrou a maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas este xoves no centro que Prosegur AVOS ten na Coruña, ao conseguir 14 representantes dun comité de 17 membros. Neste proceso, a central nacionalista incrementou o número de votos, a porcentaxe e o número de delegados/as con respecto ás eleccións de hai catro anos, o que supón un aval e un respaldo contundente á acción sindical desenvolvida nesta empresa do sector dos centros de chamadas.
Cunha participación de máis do 75% do cadro de persoal (superior á de anos anteriores), a candidatura da CIG recibiu 311 votos (o 79,74% da papeletas emitidas) e 14 representantes, fronte aos 75 votos (19,23%) que tivo a lista de CCOO, que sacou 3 representantes.
Para os delegados e as delegadas da CIG, que máis de tres cuartas partes do persoal se mobilizaran para votar cando a inmensa maioría dos compañeiros e compañeiras están en teletraballo "fai que este comité de empresa saia reforzado e máis lexitimado ante a empresa, e constitúe un moi bo punto de partida para os retos que nos agardan nos próximos catro anos".
Neste senso, sinalan que velarán polo cumprimento do acordo acadado o pasado mes de xaneiro con Prosegur AVOS en materia de clasificación profesional, que permite elevar á categoría de xestor/a aos dous anos na empresa. Con este acordo conseguiuse unha reivindicación importante nunha compañía que ofrece servizos ao sector financeiro e que supón unha referencia para os centros de chamadas. Por iso, adiantan, "estaremos vixilantes ante calquera medida que poña a empresa para atenuar os efectos deste acordo por outras vía".
A CIG subliña que afronta a súa sétima lexislatura neste centro de traballo (que xa pasou por diferentes grupos propietarios: Coinsa, CxG, HP, ESC e agora Prosegur AVOS), "co mesmo espírito que o primeiro día, combinar a experiencia e a mocidade, ter presenza en todos os departamentos, ter capacidade de negociación sendo á vez firme e combativa nas xustas reivindicacións do persoal, ter espírito de unidade dentro do comité e atender a todo o mundo por igual".