A CIG faise coa maioría absoluta nas eleccións sindicais do persoal laboral do Concello de Meaño
A CIG vén de gañar as primeiras eleccións sindicais celebradas onte entre o persoal laboral do Concello de Meaño. A central logrou a maioría absoluta ao obter tres dos cinco delegados/as que se elixían no comité de empresa da institución municipal da localidade pontevedresa.
Dos 68 traballadores/as con dereito a voto (pois aínda que nos censos figuraban 70, dúas persoas finalizaran a súa relación laboral co Concello antes das votacións) exerceron o seu dereito un total de 60. Dende a CIG salientan que se trata dunha porcentaxe moi alta, xa que supera o 88%, “e para ser a primeira vez é moi boa participación”.
Dende a central felicitan tanto ao persoal por exercer o seu dereito ao voto como ás persoas elixidas “e animámolos/as a que, en compañía das organizacións sindicais que os representan, comecen a traballar para conseguir mellorar as condicións laborais do conxunto do persoal”. Tras o proceso o comité de empresa queda composto por tres delegados/as de CIG (dous técnicos/as e un especialista), un de CCOO (especialista) e un da UGT (especialista).