A CIG gaña as primeiras eleccións sindicais celebradas en Carpintería Ramón García
A Federación de Construción e Madeira da CIG vén de facerse coa maioría do primeiro comité de empresa de Carpintería Ramón García SA, firma especializada no sector contract que opera principalmente nas tendas de Inditex en todo o mundo e que emprega nos seus centros de traballo de Mesía e Ordes arredor de 250 operarias e operarios. Nas eleccións sindicais, celebradas o pasado venres, a CIG obtivo un total de 105 votos por 88 obtidos pola outra candidatura concorrente, de CCOO. Estes resultados outorgaron 5 dos 9 representantes do novo comité á central nacionalista.
Na Federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña valoran estes resultados "coa humildade e responsabilidade de saber que agora deberemos corresponder con traballo a confianza que o persoal depositou nas nosas candidaturas, que suporá que compete á CIG poñer en marcha o primeiro comité de empresa dunha das principais empresas do sector contract".
Este sector emprega na Galiza a máis de 3500 persoas de ducias de empresas, malia que até hai moi poucos anos non existía practicamente ningún comité nestas. Porén en 2017, a FCM-CIG puxo en marcha unha intensa campaña reivindicativa en defensa dos dereitos do persoal do sector, que foi levando pouco a pouco os operarios e operarias a tomar conciencia e organizarse no seo das empresas.
"Animamos o persoal das empresas que aínda non contan con representación que o defenda a poñerse en contacto coa Federación de Construción da CIG para organizarse en defensa dos seus dereitos laborais, máis necesaria que nunca agora que o sector se atopa en franco retroceso".