A CIG gaña as eleccións sindicais parciais celebradas en Novafrigsa de Lugo, do grupo Coren
A FGAMT-CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas recentemente na compañía Novafrigsa de Lugo, pertencente ao grupo de alimentación ourensán Coren, ao obter 2 dos 4 representantes que se escollían no comité de empresa, que deste xeito pasa a ter 13 representantes unha vez que a empresa foi obrigada a incorporar os falsos/as autónomos/as.
O cadro de persoal recoñece así o intenso traballo sindical desenvolvido pola central nos últimos anos para lograr que os falsos/as autónomos/as da industria cárnica fosen dados/as da alta no réxime xeral da Seguridade Social e contasen así cos mesmos dereitos que os seus compañeiros/as.
A CIG obtivo un total de 85 votos (2 delegados/as) no proceso electoral de Novafrigsa, fronte aos 57 de USTG (1 delegado/a) e os 42 de Grupo de Trabajadores (1 delegado/a); a UGT non logrou representación ao sumar unicamente 14 apoios, e CCOO tampouco ao contabilizar só 4. Todos os representantes escolléronse no colexio de especialistas, nun proceso no que votaron 205 empregados/as dos 264 con dereito a voto.
É a segunda ocasión na que se celebran eleccións parciais en Novafrigsa despois de que a empresa fose obrigada a incorporar os falsos/as autónomos/as ao cadro de persoal, pero é a primeira vez que CIG logra presentar candidatura. Pero nesta ocasión foi a central que máis candidatos/as presentou na súa lista con total de 11, polos 8 de USTG, os 7 da UGT, os 5 de Grupo de Trabajadores e os 4 de CCOO.
Numerosos atrancos
A CIG fíxose coa vitoria neste proceso parcial a pesar dos numerosas atrancos que tivo que enfrontar, que impediron que a central puidese presentarse ás anteriores eleccións, xa que foron preavisadas por USTG nada máis producirse a incorporación do persoal falso autónomo para evitar que os candidatos tivesen os seis meses de antigüidade que establece a normativa para poder concorrer ás eleccións sindicais.
O non recoñecemento desta antigüidade levou a CIG a impugnar o proceso, porque aínda que Coren incorporounos con data 1 de agosto, a Seguridade Social retrotrae en catro anos as súas cotizacións.
Finalmente, o laudo arbitral non lle deu a razón á CIG, que optou por presentar denuncia, pero a sentenza confirmou o laudo, a diferencia do acontecido noutras empresas do grupo Coren como a pontevedresa Cogal. Con todo, só se puideron celebrar eleccións parciais e escolléronse unicamente 4 representantes, que se sumaron aos 5 existentes (comité de 9 delegado/as).
Posteriormente foi a CIG a que promoveu unha nova convocatoria de eleccións xa que ao superar a empresa os 250 traballadores/as o comité pode contar con 13 representantes. Tanto a empresa como UGT e Grupo de Trabajadores intentaron impugnar o proceso argumentando que non se podía levar a cabo a ampliación do comité, pero o laudo nesta ocasión deulle a razón á CIG, que finalmente gañou as eleccións.