A CIG gaña as eleccións sindicais no grupo Vodafone na provincia de Pontevedra ao obter 4 de 8 delegados/as
A CIG gañou as eleccións sindicais que se veñen de celebrar nos centros de traballo de Vodafone na provincia de Pontevedra ao obter 4 de 8 delegados/as nos comités das dúas empresas que integran o grupo: 2 representantes de 5 en Vodafone España e 2 de 3 en Vodafone Ono.
A central logrou a maioría absoluta nesta última empresa ao sumar 43 apoios e 2 delegados/as, fronte aos 18 do STC (1 delegado/a). Nin UGT, con 11 votos, nin CCOO, con 4, foron quen de conseguir representación. O proceso rexistrou unha participación moi elevada, xa que exerceron o seu dereito ao voto 32 dos 33 empregados/as (96,96%).
No caso de Vodafone España a CIG obtivo 23 votos e 2 delegados/as, mentres que o STC sumou 31 votos e tamén 2 delegados/as. A continuación situouse CCOO con 8 votos e 1 delegado/a, quedando a UGT sen representante ao lograr unicamente 6 apoios. Tamén se contabilizou un voto en branco. No proceso participaron 69 dos 81 traballadores/as, o que supón unha porcentaxe do 85,18%.
Dende a sección sindical da CIG no grupo Vodafone agradecen a confianza depositada polo cadro de persoal e adiantan que seguirán a loitar na defensa dos dereitos laborais e pola mellora das condicións de traballo do conxunto dos empregados/as.