A CIG gaña as eleccións sindicais no comité de empresa provincial de Abanca en Pontevedra
A federación de Banca da CIG gañou as eleccións sindicais celebradas onte no comité de empresa provincial de Abanca en Pontevedra ao obter 7 dos 21 delegados/as que se escollían, o que supón un incremento de 3 representantes con respecto ao anterior proceso.
A central sindical sumou un total de 222 votos nas eleccións para conformar o comité das oficinas pontevedresas de Abanca, que se traducen en 7 delegados/as. A continuación situáronse a UGT con 186 votos e 5 representantes, o SIB con 136 votos e 4 representantes, CCOO con 123 votos e 4 delegados/as e ASCA con 45 votos e 1 representante. Este último sindicato foi precisamente o que perdeu os 3 delegados/as que sumou a CIG.
O resultado respalda a nosa loita contra o peche de oficinas
Para a central sindical este resultado significa un “respaldo claro” á loita que contra o peche de oficinas, “durante a que fomos o único sindicato que defendeu o dereito da clientela a ser atendida como garantía dos postos de traballo”. Así como tamén á loita polo dereito á actualización dos salarios do persoal, “fronte ao convenio colectivo estatal que conxelou os salarios en plena vaga inflacionista”.