A CIG gaña as eleccións sindicais no centro industrial de Nueva Pescanova Chapela
A FGAMT-CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas recentemente no centro industrial de Nueva Pescanova en Chapela, na localidade pontevedresa de Redondela, ao obter 4 dos 9 delegados/as que se escollían no comité de empresa.
No proceso electoral a central sumou 60 votos no colexio de especialistas, o que se traducen en 3 representantes; no colexio de técnicos/as e administrativos/as conseguiu 17 votos e 1 delegado/a, polo que en total contará con 4 representantes no comité de empresa de Pescanova Chapela, aumentando a súa representación nun delegado/a con respecto ás anteriores eleccións.
A continuación situouse a USO con 41 votos no colexio de especialistas, o que lle permite contar con 2 representantes, os mesmos que logrou a CUT grazas aos 35 votos obtidos tamén no colexio de especialistas.
A USO non conseguiu representación no colexio de técnicos/as e administrativos/as ao sumar unicamente 11 votos, mentres que a CUT non presentou candidatura. A representación do cadro de persoal de Pescanova Chapela complétase cun delegado/a de UGT polo colexio de técnicos/as e administrativos/as.
Tanto dende a FGAMT como dende a sección sindical da CIG en Pescanova Chapela agradecen o apoio e a confianza recibida por parte do cadro de persoal e adiantan que continuarán a defender os dereitos laborais e sociais do conxunto dos traballadores/as da empresa.