A CIG gaña as eleccións sindicais no centro de chamadas Santander Customer Voice
A CIG vén de obter 4 delegadas e delegados nas eleccións sindicais no centro de chamadas do Santander Customer Voice, o que a sitúa como forza máis votada fronte á CGT, que obtivo 2; CCOO, que conseguiu tamén 2 e UGT que acadou 1.
Os resultados da CIG confirman o respaldo maioritario do persoal á liña da central sindical malia os intentos da empresa de boicotear o proceso. Cando se constituíu a mesa electoral Santander Customer Voice negouse a entregar o censo da Coruña, tanto á mesa como aos sindicatos, argüíndo que o proceso atinxía só a Compostela e que non era provincial.
Porén, o convenio de Call Center di que a convocatoria de eleccións sindicais ten que ser provincial, tal e como recoñeceu o laudo ao que houbo que recorrer e ao que a empresa nin sequera se presentou. Unha incomparecencia que foi tanto máis sorprendente canto que foi a CGT quen defendeu a posición da patronal pedindo a suspensión do proceso porque a empresa entendía que só era en Compostela.
A CIG-Banca amosa a súa satisfacción polo resultado acadado e manifesta o seu firme compromiso na defensa inquebrantable dunhas condicións laborais dignas e de todos e cada un dos postos de traballo.