A CIG gaña as eleccións sindicais nas empresas INTAF e TECMAN
A CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas este xoves en Industrias y Talleres Franco e Mantenimiento y Servicios TECMAN, ao lograr nove dos dez representantes que se escollían entre os dous comités. En cada unha das firmas, do grupo de empresas do naronés José Ramón Franco, elixíase un comité de cinco persoas, repartidas en dous colexios electorais: catro para operarios/as e unha polo colexio de técnicos/as.
En ambos casos, as candidaturas da CIG concorreron en solitario nos dous colexios de operarios, conseguindo polo tanto o 100% da representación. Nos colexios de técnicos/as, a central nacionalista non presentou lista en TECMAN, onde resultou elixido o candidato da UGT, que tamén concorría en solitario.
Pola contra, a candidatura da CIG-Industria resultou gañadora no colexio de técnicos/as de INTAF, onde se presentaron tamén listas de CCOO e UGT co resultado de 8 votos CIG, 6 UGT, e 3 CCOO.
Dende a Federación de Industria de Ferrol agradecen a todo o persoal destas empresas "a súa aposta decidida e case unánime polo proxecto sindical que representa a CIG, así como o referendo que isto significa tamén para as posicións defendidas pola nosa central sindical nos conflitos de carácter socio-laboral dos últimos tempos".