A CIG gaña as eleccións sindicais na refinería de Repsol na Coruña

A Coruña - 20 Dec 2022

A CIG volveu gañar as eleccións sindicais celebradas este luns na refinería de Repsol Petróleo na Coruña, ao lograr 7 representantes dun comité de 17, e recibir máis do 41% dos votos emitidos. Estes resultados avalan a acción sindical e o traballo realizado no complexo industrial nos últimos catro anos, marcados polo deterioro das condicións laborais durante a pandemia, a imposición dun ERTE inxusto, a alta sinistralidade ou a falta de investimentos nas instalacións.

Nestas eleccións, a CIG segue incrementando a súa representación, xa que aínda que o número de delegados e delegadas a elixir baixou de 21 a 17 membros, a porcentaxe de voto obtida polas candidaturas da central nacionalista nos dous colexios subiu máis de 3 puntos en relación ás eleccións de hai catro anos.

Deste xeito, a CIG volveu ser a forza máis votada, acadando o seu mellor resultado no Colexio de Especialista xa que de 6 representantes a escoller, obtivo 4 delegados e o 61% dos votos, mentres que a segunda lista máis votada, a de CCOO, sacou 1 representante co 18% dos votos. A candidatura da CIG tamén foi a máis votada no Colexio de Técnicos/as, ao lograr 3 representantes dos 11 delegadas e delegados que se elixían e o 31% dos votos. 

O resultado total das votacións (Colexio de Especialistas e Colexio de Técnicos/as) foi:

 

COLEXIO DE ESPECIALISTAS

COLEXIO DE TÉCNICOS/AS

DELEGADOS/AS

% VOTOS

DELEGADOS/AS

%VOTOS

CIG

4

61

3

31,05

CCOO

1

18

3

26,25

UGT

1

9

2

18,95

STR

0

5,5

2

14,95

USO

0

6

1

8,7

A sección sindical da CIG agradece a todos os traballadores e traballadoras da refinería a confianza depositada no modelo de sindicalismo combativo e de proximidade que defende a CIG. Estes resultados reforzan o compromiso da central nacionalista na defensa dos dereitos dos persoal e na loita para que Repsol faga os investimentos necesarios no complexo da Coruña para adaptar as instalacións ao novo marco imposto pola Lei de Transición Enerxética e garantir así o mantemento da actividade e do emprego no futuro.