A CIG gaña as eleccións sindicais na Fundación Biomédica Galicia Sur
A CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas hoxe na Fundación Biomédica Galicia Sur ao obter tres das cinco delegadas que se escollían. A central logrou máis do 63% dos apoios entre o cadro de persoal nun proceso electoral que inclúe as áreas de Ourense, Pontevedra e Vigo.
Trátase da primeira vez que se celebran eleccións nesta Fundación, e foi a federación de Saúde da CIG a que as promoveu. Dende a central salientan que o proceso rexistrou unha alta participación, “o que di moito sobre a necesidade destas eleccións”. O pasado 20 de abril tiveron lugar as eleccións sindicais na Fundación de Santiago de Compostela, nas que a CIG-Saúde obtivo sete das nove delegadas/as que se elixían.
Segundo explican dende a central, as Fundacións de Investigación Sanitaria dos hospitais xurdiron para axudar a xestionar, organizar e promover a investigación realizada desde o entorno hospitalario. Non teñen o percorrido nin a tradición doutros centros que contribúen á tarefa investigadora, como as universidades, ou que constitúen a esencia mesma do seu ser, como o Consello Superior de Investigacións Científicas.
Porén, debido ao interese e ao traballo de múltiples actores (principalmente as persoas que traballan nelas), crecen de ano en ano e reclaman un papel e unha importancia no ámbito investigador que aínda se lles nega. “Entendemos que estas fundacións teñen e deben dar moito máis de si en Galiza, para ofrecer e rendibilizar todo o potencial que atesouran; non é un camiño que deban percorrer soas, pero é verdade que a súa identidade debe definirse tamén desde dentro mesmo do seu ser”.
En busca dunha estratexia global
A candidatura da CIG defende que o capital máis prezado de calquera organización é o humano, e no caso da investigación este valor acrecéntase. “É por iso que nos comprometemos a traballar por configurar un marco laboral definido e uniforme, flexible pero seguro, que determine claramente os deberes do seu persoal, pero que tamén permita e promova a súa carreira profesional; un entorno que asegure a dignidade da investigación biomédica en todas as súas facetas, desde as máis experimentais e próximas aos doentes, até as máis innovadoras e transformadoras, pasando polas de xestión e promoción”.
Neste senso, aclaran que non buscan unha serie de medidas puntuais que melloren as condicións laborais. “Imos máis alá porque buscamos unha estratexia global, elaborada entre todos os axentes implicados, que defina as categorías profesionais, a promoción dentro delas e a conexión co seu entorno hospitalario, universitario e social, a fin de que a investigación sanitaria asegure o longo percorrido que necesita. É por iso que queremos representar a todo o persoal traballador e dialogar con todas as partes, para, entre todos/as, chegar a un resultado do que todos poidamos sentirnos orgullosos/as”.