A CIG gaña as eleccións sindicais na empresa ourensá Coasa
A federación de Industria da CIG vén de obter a maioría nas eleccións sindicais celebradas recentemente en Coasa, empresa ourensá dedicada á fabricación de compoñentes aeronáuticos. A central logrou aumentar a representación no comité ao pasar de cinco a seis delegados/as.
A CIG-Industria fíxose coa vitoria no proceso electoral a pesar de presentar candidatura unicamente no colexio de especialistas, no que obtivo seis delegados/as grazas aos 126 votos colleitados. A continuación situouse CCOO con catro representantes (93 votos) e despois UGT, con tres delegados/as e 58 votos. Este último sindicato foi o único que presentou candidatura no colexio de técnicos/as e administrativos/as, obtendo os dous delegados/as que se escollían.
Dende a federación de Industria da CIG de Ourense valoran moi positivamente o resultado, sobre todo tendo en conta que sumaron un delegado/a con respecto ao anterior proceso electoral.
“Esta maioría simple consolida o noso proxecto sindical durante os vindeiros catro anos; queremos facer público o noso agradecemento aos compañeiros/as polo apoio amosado e reiteramos o noso compromiso de seguir a defender os dereitos laborais do conxunto do cadro de persoal”.
Finalmente, trasládanlles os seus parabéns a todas as persoas que formaron parte da candidatura da central na empresa, “xa que sen elas sería imposíbel obter este resultado”.