A CIG gaña as eleccións sindicais na empresa Aludec Stamping de Pontevedra
A CIG-Industria fíxose coa maioría absoluta nas eleccións sindicais celebradas onte en Aludec Stamping, compañía pontevedresa do sector da automoción situada no polígono do Campiño, ao lograr tres dos cinco representantes do comité de empresa a primeira vez que se escollían.
A candidatura da CIG colleitou un total de 40 apoios (tres delegados/as) entre os 72 traballadores/as con dereito a voto, fronte aos 15 da UGT (dous delegados/as) e aos nove de CCOO, que non obtivo representación.
A central logrou a maioría absoluta nas eleccións sindicais a primeira vez que se escollían representantes para o comité, xa que con anterioridade a empresa contaba unicamente con delegados/as de persoal (un deles/as da CIG).
Dende a federación de Industria da CIG de Pontevedra valoran moi positivamente o resultado do proceso, ao tempo que agradecen o apoio recibido por parte dos traballadores/as e inciden en que continuarán a defender os dereitos laborais do conxunto do cadro de persoal.