A CIG gaña as eleccións sindicais en PINE (auxiliar do naval), que até agora non tiña representación sindical
A CIG gañou as eleccións sindicais celebradas en PINE (auxiliar do naval especializada en instalacións eléctricas) ao conseguir tres representantes dun comité de cinco. Esta empresa (do Grupo Zima) conta con 56 traballadores e traballadoras no centro de traballo que ten no polígono industrial de Río do Pozo, en Narón, e até non contaba con representación sindical.
No colexio de persoal operario, a candidatura da CIG obtivo 24 votos e tres delegados, mentres que a lista de UGT recibiu 14 votos que lle supuxeron un delegado. No colexio de persoal técnico e especialista, no que a CIG non presentou candidatura, a representación quedou en mans de UGT, que obtivo a única delegada en liza.
A CIG-Industria de Ferrol agradece a confianza depositada polo persoal na súa candidatura e reafirma o compromiso na defensa dos dereitos e as condicións laborais. Así mesmo, valora moi positivamente o resultado por canto supón "outra maioría máis nun comité de empresa dunha auxiliar do naval, sector no que a CIG non só se afianza como sindicato maioritario senón que cada vez se afasta máis da UGT e de CCOO".