A CIG gaña as eleccións sindicais en People Plus Innovation SLU, empresa adxudicataria do SAF de Xermade
A CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas en People Plus Innovation, empresa que presta o Servizo de Axuda no Fogar no Concello de Xermade, ao obter as tres delegadas que se escollían. Este apoio unánime ás candidatas da CIG referenda a acción sindical levada adiante pola central nacionalista no conflito do sector en defensa da dignificación salarial e laboral e por un convenio xusto.
Cómpre lembrar que a CIG convocou unha folga en solitario despois de que UGT e CCOO asinaran un preacordo de convenio que condenaba as traballadoras á precariedade, introducía unha dobre escala salarial totalmente discriminatoria e non garantía sequera o mantemento do poder adquisitivo ao renunciar a continuar no articulado coa cláusula de revalorización en función do IPC real.
As traballadoras do SAF de todo o país desenvolveron unha dura folga durante 28 días e coa súa loita (todo un exemplo de dignidade e valentía) lograron que finalmente UGT e CCOO non ratificación o seu propio preacordo coa patronal do sector.
A CIG agradece ás traballadoras do SAF de Xermade o apoio dado á súa candidatura e reafirma o compromiso na defensa dos seus dereitos e na loita para acadar un convenio galego de sector que realmente supoña dignificar as condicións laborais e salariais e o recoñecemento social dun labor tan esencial como o que realizan estas compañeiras.
Neste mesmo sentido, a central sindical continuará defendendo a creación dun sistema público galego de atención ás persoas, que incorpore tamén os servizos de atención no fogar e remate coa atomización actual na prestación deste servizo, no que as traballadoras teñen unhas condicións superiores ou inferiores en función de se o concello no que traballan decidiu externalizar ou non a prestación do SAF.