A CIG gaña as eleccións sindicais en Os Irmandiños SCG
O proceso, explican dende a CIG da Mariña, tivo preto dun 70% de participación sendo a candidatura nacionalista a máis apoiada ao lograr o 67% dos votos emitidos.
Por mesas, na de técnicos/as a CIG obtivo o 95% dos votos emitidos, acadando os dous delegados que se dilucidaban na mesma. Na mesa de especialistas, a CIG obtivo un 53.5% dos votos, e CCOO o 41.8%, quedando o reparto de delegados en dous e un, respectivamente.
Estes resultados reforzan a maioría que a CIG xa tiña no comité, pasando de tres a catro delegados/as nunha das cooperativas agrarias máis importantes do país.
Ao finalizar o proceso, os recén elixidos delegados e delegadas pola central nacionalista amosaban a súa satisfacción polo resultado: “xa non só supón reforzar a nosa maioría no comité, senón que os resultados tamén avalan a nosa liña sindical de asemblearismo, información e asesoramento ao cadro de persoal e traslado á empresa de toda canta problemática laboral vaia xurdindo”.
Ao tempo, a representación da CIG salientaba que “aparte de satisfacción, o resultado tamén xera un gran sentido da responsabilidade para estar á altura do grado de confianza que as traballadoras e traballadores depositaron en nós”.
Esta semana constituirase formalmente o novo comité, precederase á escolla dos novos cargos e á aprobación do regulamento que rexerá o funcionamento do mesmo nos vindeiros catro anos.
Dende CIG Irmandiños manifestan así mesmo, que na reunión constituínte do comité, como primeiro punto na orde do día, tratarase a aprobación dunha declaración de apoio aos compañeiros e compañeiras de Conservas Alonso, de Celeiro, que viron como a empresa manifestou a súa intención de pechar dito centro de traballo, “porque non podemos quedar alleas/os ao desmantelamento industrial e á reiterada perda de postos de traballo na nosa comarca”.