A CIG gaña as eleccións en Mercadona Ourense e consolídase como a forza máis votada no colexio de especialistas

Obtivo 5 dos 13 representantes que se escollían no comité de empresa malia as presións por parte da dirección
- 26 Nov 2026

A CIG vén de gañar as eleccións sindicais en Mercadona Ourense , ao obter 5 dos 13 representantes que se escollían no comité de empresa, consolidándose como a forza máis votada no colexio de especialistas. Dende a federación de Servizos salientan o valor duns resultados acadados malia as presións e trabas que a organización denuncia que vén sufrindo por parte da compañía nos últimos catro anos.

Tras o proceso que tivo lugar o pasado martes 24 de novembro, o comité de empresa queda conformado por 5 delegados/as da CIG, 4 da UGT e 4 de CCOO, sindicato este último que obtivo o único representante que se escollía no colexio de técnicos e administrativos. A central nacionalista mantén deste xeito unha importante presenza na empresa e consolídase como a forza sindical máis votada no colexio de especialistas, ao acadar 108 votos, fronte aos 101 de UGT e os 81 de CCOO. 

A presión empresarial sobre as persoas que integraban a anterior candidatura provocou que a maioría delas acabasen abandonando a compañía, unha situación que dificultou notablemente a continuidade da central

Dende a CIG-Servizos destacan o valor destes resultados, especialmente polo contexto no que se produciron, xa que durante os últimos catro anos a central tivo que afrontar numerosas presións e trabas por parte da empresa, nun intento de debilitar a súa presenza e representación no centro de traballo.

Cómpre lembrar que, nas anteriores eleccións sindicais, a CIG concorreu por primeira vez en Mercadona Ourense e conseguiu un resultado histórico, con 6 dos 13 representantes elixidos. Porén, a presión empresarial sobre as persoas que integraban aquela candidatura provocou que a maioría delas acabasen abandonando a compañía, unha situación que dificultou notablemente a continuidade da central.

A pesar destas dificultades, a CIG volveu presentar candidatura e conseguiu o respaldo maioritario das persoas traballadoras no colexio de especialistas, demostrando que segue a contar coa confianza do persoal. Dende a federación de Servizos agradecen a todas as persoas traballadoras que depositaron a súa confianza na candidatura e recoñece especialmente o compromiso e a valentía das persoas que decidiron dar un paso adiante para defender os dereitos do conxunto do cadro de persoal.

Para a central sindical, este resultado supón unha importante mensaxe fronte ás presións e aos obstáculos: a organización colectiva e a defensa dos dereitos laborais seguen tendo forza en Mercadona Ourense. Finalmente, reafirma o seu compromiso de continuar traballando no centro de traballo, ao lado do persoal, denunciando os abusos empresariais e reclamando unhas condicións laborais dignas.