A CIG gaña as eleccións sindicais en Fresno Metal (Grupo Malasa) a primeira vez que se presenta
A CIG-Industria vén de gañar as eleccións sindicais celebradas no día de onte en Fresno Metal (empresa do Grupo Malasa, situada en Cerceda) ao obter 5 representantes dun comité de 9, mentres que as candidaturas de CCOO e UGT sacaron 2 representantes cada unha. Esta é a primeira vez que se celebran eleccións sindicais no Grupo Malasa, malia contar cun cadro de persoal próximo ao millar de traballadores e traballadoras.
A CIG tomou no seu momento a decisión de preavisar as eleccións sindicais para dotar ao cadro de persoal de Fresno Metal dun comité de empresa que defenda os seus intereses. E grazas ao traballado desenvolvido polos compañeiros que a encabezaron, a candidatura da CIG foi amplamente respaldada. Isto permite que a día de hoxe contar cun órgano de representación unitario sexa unha realidade nun grupo empresarial destas dimensións.
A CIG tamén destaca a amplísima participación neste proceso, no que a central nacionalista logrou 89 dos votos emitidos fronte aos 37 obtidos por CCOO e os 31 de UGT.
Con este resultado, a CIG reafirma o compromiso na defensa dos dereitos e na mellora das condicións sociolaborais do persoal de Malasa, aínda sendo conscientes de que por diante queda un longo camiño e moita acción sindical por desenvolver para conseguir os obxectivos marcados.
Finalmente, salientar que esta maioría pode reforzarse de prosperar a impugnación dun único voto (que foi declarado nulo pola mesa) e que outorgaría un sexto representante á CIG.