A CIG gaña as eleccións sindicais en Ferroatlántica Sabón
A CIG vén de gañar por maioría absoluta as eleccións sindicais celebradas este venres na fábrica de Ferroatlántica de Sabón (Arteixo) ao conseguir cinco delegados/as dun comité de nove, incrementando deste xeito a súa representación con respecto ao anterior proceso.
No colexio de especialistas, a CIG obtivo 45 votos e catro delegados/as, mentres que a candidatura de UGT sacou 41 votos e tres delegados/as. No colexio de Técnicos/as, a candidatura da CIG logrou oito votos e 1 delegado, mentres que UGT obtivo 12 votos e outro delegado.
Catro anos marcados polas agresións da empresa
Este resultado avala a acción sindical desenvolvida pola CIG nestes últimos catro anos, marcados polos intentos do grupo FerroGlobe de recortar os dereitos recollidos no convenio, as ameazas constantes á continuidade dos postos de traballo amparándose no prezo da enerxía, a aplicación de regulacións de emprego ou o desmantelamento de proxectos industriais como Ferrosolar nun claro castigo os traballadores e traballadoras.
A todas estas agresións a representación da CIG deu cumprida resposta, presentando propostas e alternativas e non asumindo os plans de desmantelamento e precarización de Ferroatlántica. A CIG agradece a confianza depositada na súa candidatura e, co respaldo que supón este resultado, reforza o seu compromiso e disposición a loitar na defensa dos dereitos do conxunto dos traballadores/as da fábrica.