A CIG gaña as eleccións sindicais en Costiña SL
Os resultados, destacan dende a Unión Local da Mariña, chegan despois dunha campaña da empresa de acoso e derribo á candidatura da central nacionalista que viu como se lle poñían todo tipo de trabas, ameazas, presións, chegando a compañía a despedir ao número un da candidatura o mesmo día que a CIG presentou o preaviso de eleccións.
Non obstante, engaden, un laudo arbitral permitiu que o compañeiro se presentase ás eleccións, á espera de que agora a xustiza se pronuncie sobre o seu despedimento.
Neste senso, a CIG da Mariña denuncia que “o despedimento non foi, en calquera caso, nada máis que a guinda do pastel da persecución laboral e sindical que o compañeiro leva sufrindo nos últimos anos, tal e como o proban varias sentenzas xudiciais ao respecto”. Este acoso prodúcese logo de que, entre os anos 2008 e 2011, este traballador liderara o comité baixo o que se asinaron os mellores convenios colectivos que tivo a empresa.
“Porque iso é o que temía a empresa neste proceso, que pasase o que finalmente aconteceu, e que se poña fin a anos de condescendencia sindical nos que a pesar dos atrasos, dos impagos, e da perda reiterada de dereitos, non houbera dende o comité nin un ápice de contestación e loita pola defensa dos dereitos laborais do persoal”, censuran.
Ábrese pois, logo deste proceso, unha nova etapa “na que a participación do cadro de persoal na toma de decisións, un verdadeiro asemblearismo, o primar por riba de todo dos intereses de traballadores e traballadoras, sexan as firmes sinais de identidade do novo comité de empresa”, conclúe a CIG da Mariña.