A CIG gaña as eleccións sindicais en Carpintería Ramón García
A CIG gañou as eleccións sindicais celebradas o pasado venres en Carpintería Ramón García (con centros de traballo en Ordes e Mesía), ao obter seis delegados dun comité formado por 13 membros. A pesar de todas as manobras da empresa (do Grupo Ramón García, un dos máis importantes do sector contract), a CIG resultou a forza máis votada e volve cun amplo apoio ao segundo comité que se elixe nestes centros de traballo.
Por colexios, a candidatura da central nacionalista foi a máis votada entre o persoal de taller e obra ao recibir 101 votos fronte aos 75 que tivo a lista de CCOO. Deste xeito, dos dez delegados en liza neste colexio, a CIG fíxose con seis e CCOO con catro. No caso do colexio de persoal técnico e administrativo, os tres representantes que se elixían foron para a candidatura independente, a única que concorreu e que só recibiu 18 votos, xa que a empresa manobrou até desmontar a lista da CIG.
Neste senso, a FCM-CIG chama a atención sobre o feito de que dous de cada tres traballadores e traballadoras dese colexio non votaron pola candidatura presentada, o que "interpretamos como un claro xesto de protesta do persoal por ternos impedido concorrer libre e democraticamente".
A CIG agradece a confianza depositada na súa candidatura e reafirma o compromiso na defensa dos dereitos de todo o persoal de Ramón García e na loita pola mellora dos salarios e das condicións laborais. Así mesmo, a posta en marcha dun comité que traballe con transparencia e democracia e que sexa "útil, funcional e confiábel" aos intereses dos traballadores e traballadoras desta empresa.