A CIG gaña as eleccións sindicais en Canarga SL
A Federación de Construción e Madeira (FCM) da CIG da Coruña fíxose o pasado venres cos 3 delegados sindicais en xogo na construtora coruñesa Canarga SL, unha das máis importantes das que en Galiza se dedican ás obras públicas e nomeadamente á construción e conservación de vías rodadas.
A candidatura presentada pola central nacionalista obtivo un total de 89 apoios, fronte aos 46 obtidos pola lista "independente", o que supón que case duplicou os seus apoios, pois hai catro anos se rexistrara un empate técnico. A FCM-CIG congratúlase por un "excelente resultado que reforza a posición xa maioritaria hoxe no sector da construción da Coruña, e vén a demostrar a boa percepción do traballo que se fixo nestes catro anos de cara a reivindicar os dereitos do persoal que estaban en cuestión nesta empresa". Un intenso traballo, engaden, "que poderemos seguir desenvolvendo outros catro anos máis, co apoio do persoal de Canarga".
Consolidar a representatividade no sector
A FCM CIG agarda seguir consolidando e aumentando así a súa representación no sector da construción e mantemento de infraestruturas viarias públicas, un sector estratéxico e clave para o desenvolvemento nacional. "Mais no que os dereitos do persoal vense cada día máis mermados polas reformas laborais e a negociación colectiva estatal (que levou, por exemplo, á perda da subrogación) e atacados por empresarios 'desaprensivos' que participan nos concursos públicos con ofertas ridículas que logo, no caso de se faceren coas contratas, só conseguen cumprir en base ao saqueo dos salarios, condicións e dereitos do seu persoal".
Para a FCM-CIG esta situación é particularmente grave tendo en conta que se fai cos cartos públicos, polo que, advirte "estaremos moi expectantes e tentando introducir en todos os contratos de obras públicas cláusulas sociais que protexan aos traballadores e as traballadoras do sector".