A CIG gaña as eleccións sindicais en Acuidoro, SL
O Secretario da Unión Local da CIG da Mariña, Xorxe Caldeiro, explica que para este proceso –que se celebrou o 7 de setembro- estaban convocados os 74 traballadores e traballadoras que conforman o cadro de persoal, dos/as que exerceron o seu dereito de voto 61. Isto representa unha participación de case un 82.5%.
No Colexio de Especialistas (do que formaban parte 59 electores) o escrutinio dos 51 votos emitidos deulle á Confederación Intersindical Galega 33 votos, o 66% dos votos válidos. A outra candidatura que se presentou neste colexio, CCOO, obtivo 17 votos (34%).
No Colexio de Técnicos/as e Administrativos/as (cun censo de 15 traballadores e traballadoras) só se presentou unha candidatura (UGT), que obtivo 8 votos.
Traducidos os votos a representantes, a CIG consigue tres delegados no Comité de empresa, polo que ten a maioría absoluta do mesmo, por un representante de cada un dos outros sindicatos .
“Dende a Confederación Intersindical Galega queremos destacar a gran participación no proceso e agradecer a confianza depositada polos traballadores e traballadoras no noso sindicato”, asevera Caldeiro.