A CIG gaña as eleccións sindicais en Acciona Infraestructuras SA
A CIG vén de gañar as eleccións sindicais celebradas na delegación en Galiza da empresa Acciona Infraestructuras SA, ao conseguir tres dos cinco membros que integrarán o comité. Deste xeito, a central nacionalista consolida a maioría sindical nesta importante empresa da construción.
Cunha participación no proceso superior ao 80% (que no caso do Colexio de Operarios/as chegou case ao 87%), a central nacionalista logrou 37 votos fronte aos 22 acadados por UGT e tres dos cinco membros do comité.
Dende a Federación Construción e Madeira, amosaron a satisfacción por consolidar a maioría sindical da CIG neste empresa e ter un "Comité elixido limpa e democraticamente en Acciona". Subliñan que estes resultados avalan a liña de acción sindical desenvolvida nos últimos catro anos e fortalece o compromiso na defensa dos intereses dos traballadores e traballadoras.