A CIG gaña as eleccións sindicais ao comité de Perfumerías Arenal na provincia da Coruña
A CIG volveu gañar as eleccións sindicais celebradas o mércores nos estabelecementos que Perfumerías Arenal ten na provincia da Coruña, ao lograr 6 representantes mentres que as candidaturas de UGT e FETICO obtiveron 2 e 1 representante no comité. A central nacionalista incrementou ademais a súa representación con respecto ao proceso anterior (hai catro anos elixiuse por primeira vez comité provincial) ao recibir máis do 60% dos votos emitidos.
Para a federación de Servizos este resultado evidencia o rexeitamento das traballadoras e traballadoras a unha acción sindical que aposta por afastar a negociación colectiva dos centros de traballo e que lle impón un convenio estatal de perfumerías tan cativo que os salarios do persoal non superan o SMI.
O persoal xa comprobou que o sindicalismo combativo, de denuncia e non entreguista dá os seus froitos e naquelas materias onde se pode sortear o convenio, a través das denuncias da CIG conseguiuse mellorar as condicións laborais, sobre todo en cuestión da xornada. Por iso, a CIG-Servizos valora que con este resultado as traballadoras e traballadoras están amosando tamén o desexo de rachar con este marco estatal que só as leva á pobreza e á precariedade.
Arenal é unha empresa galega con numerosos estabelecementos en todo o país, pero alérxica aos sindicatos e á negociación. E ante o empuxe da CIG que estaba detectando entre o persoal da provincia da Coruña promoveu e fomentou a candidatura do sindicalismo amarelo "que sacou un resultado de pena".