A CIG gaña as eleccións parciais celebrada nos supermercados Froiz de Lugo e obtén a maioría do comité

Lugo - 16 Nov 2023

A CIG gañou as eleccións sindicais parciais celebradas o pasado martes nos supermercados de Froiz na provincia de Lugo, ao obter tres dos/as catro representantes que se elixían. Con este resultado, e sumando os/as tres delegados/as que xa tiña, a CIG convértese na primeira forza sindical en Froiz ao contar con seis membros dun comité formado por 13 persoas.

Por colexios, a representación do comité queda conformada do seguinte xeito:

 

CIG

CCOO

UGT

Persoal técnico

0

0

2

Persoal especialista

6

4

1

Total

6

4

3

 

Cómpre aclarar que en novembro de 2022 tiveron lugar as eleccións sindicais en Froiz para escoller un comité de nove persoas, que non cumpría co estabelecido na normativa vixente ao corresponder, polo número de traballadores e traballadoras total, un comité de 13 membros. Despois das manobras da empresa para evitar esta ampliación e tras varios laudos arbitrais, convocouse proceso de eleccións parciais para o 14 de novembro no que nin UGT nin USO foron capaces de presentar candidatura.

Para a CIG, este resultado supón un castigo evidente a ambas centrais sindicais pola súa traizón na negociación colectiva, asinando ás agochadas e contra a vontade da maioría do persoal, un convenio que consolida a precariedade e a pobreza e que segue deixando as traballadoras e traballadores do comercio de alimentación de Lugo coas condicións máis baixas do sector.

A CIG agradece a confianza depositada polo persoal de Froiz na súa candidatura e reafirma o seu compromiso na defensa dos dereitos e na loita para mellorar as condicións laborais e salariais do conxunto do sector.

Neste senso, a central nacionalista tamén considera que neste proceso se evidencia a vontade  das traballadoras e dos traballadores a cambiar a correlación actual de forzas, coa vista posta na seguinte negociación do convenio.