A CIG gaña as eleccións no comedor da sede central do Grupo Inditex ao obter os cinco membros do comité
A CIG vén de gañar as eleccións celebradas no comedor da sede central do Grupo Inditex en Arteixo, logrando os/as cinco representantes do comité. A lista da central nacionalista foi a única que se presentou e malia esta circunstancia, houbo unha elevadísima participación no proceso e máis do 90% do persoal apoio a candidatura. Para a Federación de Servizos da Coruña, isto dá boa conta do interese dos traballadores/as por contar cun comité que defenda os seus dereitos e que estea en disposición de pelexar para lograr a mellora das súas condicións laborais.
Este comedor, subliñan dende CIG-Servizos, é unha dos centros de restauración colectiva máis grandes do país e conta cun cadro de persoal formado por máis de 70 traballadores e traballadoras que atenden o servizo de comidas na sede central do Grupo Inditex. Este servizo está subcontratado coa empresa Sodexo, unha das grandes compañías do sector.
O principal obxectivo do novo comité (até estas eleccións só había un delegado de persoal) é evitar a "perniciosa" influencia do convenio estatal de restauración colectiva e lograr unhas condicións salariais e laborais que estean por enriba das recollidas nese cativo convenio que se negocia en Madrid por CCOO e UGT.
A CIG consolida a súa presenza nas auxiliares de Inditex
Con esta vitoria, consolídase a hexemonía da CIG na práctica totalidade das empresas auxiliares de Inditex. Neste senso, hai que subliñar que a central tamén volveu gañar as eleccións celebradas no comedor de Zara Loxística (neste caso xestionado pola empresa Seral) ao sacar as tres delegadas de persoal que se escollían, mentres que a candidatura de CCOO non conseguiu representación.
Neste comedor, subliñan dende CIG-Servizos, xa se conseguira con anterioridade eludir o convenio estatal e negociar unhas condicións superiores, un logro que agora a CIG quere trasladar ao comedor da sede central.
Ademais dos comedores, dende hai anos a CIG ten a maioría da representación na empresa que realiza a limpeza de Inditex, Servilimpsa, na que tamén se está negociando unha mellora das condicións; e nas contratas do metal, como Grupo Norte e Vero Juncal (na que os tres delegados son da CIG e na que xa hai tempo que o persoal, grazas ás mobilizacións, conseguiu melloras laborais substanciais).